Concello: Ribadeo
Parroquias: Vilaselán e Piñeira
Percorrido: Iníciase este paseo na a Illa Pancha, cara ao oeste, pásase fronte a Subrilada e o Mourón para chegar á praia das Areosas, e atopar o paso interrompido por unha parede de toxos que impide chegar ao Río de Vilaselán. Hai dereito de paso, pero non se pasa, é preciso rodear a finca particular, e a depuradora por onde en tempos houbo outra entrada, para atopar o camiño que vai xunto ao río ata a depuradora alí pasalo e subir polo piñeiral da outra marxe. Esta puidera ser a parte mais bonita do paseo.
Camiñando sobre as praias do Niño do corvo e da Cova da palla, chégase ao primeiro dos foxos defensivos do castro de Vilaselán, ao segundo e ao terceiro, para estar no lugar do castro, fronte á Insua; por poñente o foxo é natural, o Ollo de Vilaselán.
Aquí éntrase en Piñeira onde o camiño é cómodo, pasa polo Gallín, rodea a enseada da Olga da Arnela, pasa As longas e a praia da Areosa. A seguinte enseada é O loureiro que remata na península de Celeirós, cortada pola desembocadura do Río de Piñeira, no Portal, dentro da enseada da vella ou da abella.
Chégase así ao castro de Piñeira, no que se ven perfectamente os primeiros foxos antes de chegar fronte a Illa do Castro, (o mesmo que a Insua, nestas illas dos castros tiveron lugar, probablemente, os primeiros asentamentos de poboación.) Os foxos do outro lado vese que foron unidos para dar lugar a unha terra de labor. A continuación están os Baixos de Fornelos na saída ao mar do Rego do Couso, onde remata a costa de Piñeira.
Nada máis entrar a Vilaframil hai un lugar para descansar e comer.Desde alí regrésase a Ribadeo polas pistas de concentración parcelaria, practicamente en liña recta.
Teresa Díaz Estévez
Concello: Castropol ATENCION AS OBRAS DA PONTE DOS SANTOS
Lugares: San Juan de Moldes, As Campas, Berbesa, A Liñeira, As Figueiras
Transporte: FEVE con destino á estación de Castropol (consultar horarios)
Distancia: 10 km.
Percorrido: O tren déixanos en Valín, un lugar de San Juan de Moldes. Cruzando a vía, un carreiro nos conduce á pista de terra que é parte do camiño de Santiago. Imos cara ao leste por a pista e por un camiño entre prados que nos leva a uns depósitos de auga. Alí o camiño da esquerda continua ata unha ponte da estrada sobre o tren. Pasada a ponte continua un camiño de terra que seguiremos en liña recta e despois de pasar un cruce de pistas, un carreiro húmido e malo de atopar nos baixa ao Rego Fornelo.
Deixamos alí o camiño de Santiago para seguir á beira do río por Berbesa ata a súa desembocadura na enseada de O Esquilo. Neste punto hai que subir cara a estrada N 640 e antes de entrar nela, vese a pasarela de madeira que leva ao camiño de A Linera, que atravesamos, e por os camiños de Donlebún, entre cipreses imos aos Molinos e ás Figueiras.
Despois de pasear por as súas rúas, pasaremos a Ponte dos Santos para volver a Ribadeo sobre as catro e media da tarde logo de pasear 10 km .
A día de hoxe (ano 2008 e seguintes) non se pasa pola Ponte dos Santos camiñando.
Concellos: A Pontenova(Lugo) e San Tirso (Asturias) 
Distancia: 12 km
Curiosidades: A vía do tren mineiro na súa totalidade medía 34 km dende Vilaodriz (A Pontenova) a Porto Estreito (Ribadeo). Comenzou a funcionar no ano 1903 co primeiro transporte de mineral de ferro, en Agosto de 1905 aumentou sete coches para transporte de viaxeiros, e foi clausurado no ano 1965.
Percorrido: O punto de partida son os fornos de limonita, na Pontenova , na marxe dereita do Río Éo. Aquí o camiño é estrada, ao ir saíndo do pobo convértese en pista de paseo con fonte, mesas e lugares de descanso e despois xa se recoñece como lña ferroviaria, de vía métrica, sempre á marxe do río. Ten unha pendente máxima de 8´7milímetros por metro, e o radio mínimo das curvas é de 100 metros. As indicacións para o traxecto son sinxelas: sempre en liña recta, sen subir nin baixar.
A ruta pasa por a parroquia de Conforto, A Pontenova, e por San Tirso (Asturias) onde atravesará tres túneles antes de pasar á marxe esquerda en Vilaformán, Trabada, segue por terras galegas ata unha central hidroeléctrica, onde regresa a San Tirso, neste último tramo hai un punto perigoso ao ter que cruzar a estrada N-634 , pouco máis adiante un último túnel, o máis longo que posiblemente teña luz eléctrica, desemboca en San Tirso. Mentres alguén vai a recoller os coches, pódese ver O Pacio, pazo dos Condes de Altamira, edificio do s XVI rematado por dúas torres de tres alturas, e o Pazo de Amaído que ten asociada unha igrexa que nun furado da parede deixa ver un suposto “miliario” relacionado con cultos precristiáns.
Teresa Díaz Estévez
Distancia:12km
Percorrido: Partindo da piscina municipal, por A Pega e San Xoán, vaise cara á A Palmeira. Ao chegar a este barrio entra en liña recta un camiño que ao achegarse ao río se bifurca; collendo á dereita súbese xunto ao Rego de San Martín, ata o extremo do punto limpo, onde comeza un carreiro que vai por diante das casas da Capela, ata un cruce, na parte alta de Pastoriza.
Indo á esquerda, cara ao leste, éntrase nun monte de eucaliptos ata chegar a unha pista de terra, ancha, vaise por ela , á esquerda ata o primeiro camiño que entra no monte da dereita, para ir a Frieira Vella, e pola estrada á esquerda ata Frieira Nova. Chegando á primeira edificación, unha casa en ruinas, pequena, éntrase polo camiño que a rodea para regresar á pista ancha de terra e por ela á dereita vaise ao Vilar da Graña, con unha fermosa panorámica da ría. No camiño asfaltado ao que se chega, cóllese á esquerda para ir á capela do Santo Estebo, na Graña, onde se pode descansar. Entre as casas, e por detrás da última, hai un camiño que vai a uns prados e logo baixa a esquerda, entrando nun bosque, ata chegar xunto a un rego.
Entre voltas, acacias, carballos e algún castiñeiro volve á A Palmeira, ao chegar á estrada indo á dereita, un pouco antes dos restos da capela do Bo Xesús, un camiño que foi real, baixa á Vilavella, pasease xunto á ría e súbise entre as casas de este barrio para volver por o cemiterio e A Pega ata a punto de partida en Ribadeo.
Teresa Díaz Estévez
Concello: Vegadeo
Parroquia: Meredo
Lugar: Molexón
Distancia: 9 km
Como chegar: En Vegadeo hai que entrar cara a Piantón para seguir en dirección a Meredo
Percorrido: O punto de partida e regreso é o a igrexa de Meredo, desde onde se baixará pola estrada ata a Ferrería de Meredo, nada mais pasar o río hai unha pista á esquerda, con un indicador no que se le Nafarea. É estreita e está asfaltada pero a presenza de herbas nos indica o seu escaso tránsito. Vaise por ela ao son do río ata chegar a outra tamén asfaltada e mais ancha, neste punto indo á esquerda, logo se chega a El Penedón e seguindo a dirección marcada polo Suarón crúzase sobre el no lugar chamada O Mazo Novo, desde onde se sube en dirección á Serra da Bobia par ano primeiro cruzamento coller á dereita e visitar Molexón. Visto o lugar, vólvese sobre os propios pasos, unha estrada antiga en dirección a Meredo, que logo coincide coa nova, pasada a primeira curva desta estrada nova, entra un camiño, de dous metros de ancho, enmarcado por toxos que suave descenso vai baixando coa auga, para saír á estrada a 500m da. Ferrería de Meredo.
Teresa Díaz Estévez
Concello: Ribadeo
preme no mapa para amplialo
Parroquia: Covelas
Distancia: 10 km
Aviso: Os camiños poden estar pechados por a maleza
Como chegar: Na estrada á Veiga, déixase o coche en Reme de Abaixo. Nada mais pasar a ponte sobre o Río Grande, subindo un muro, éntrase na Fraga de Reigosa.
Percorrido: Atravésase a Fraga de Reigosa, ao son do río para saír na Ponte da Acea. Pásase o río e sóbese cara a Reme de Arriba, ata atopar un camiño á esquerda que volve ao río, xunto a un dos moitos muíños que se ven, e o atravesa esta vez por unha ponte de cemento. O camiño sempre cerca do río continúa a Pena Tallada, tamén coa súa ponte, esta de pedra, e o seus muíños.
Deixando o Río Grande á esquerda, cada vez máis lonxe vaise á escola de As Anzas onde un desvío á dereita vai, atravesando a estrada Reme-Vilamar, ata o Río Pequeno no lugar de O Carboeiro. Onde se comenzan a ver as casas, aparece un camiño á dereita que irá á beira do río ata a súa desembocadura, en Reme de Abaixo
Teresa Díaz Estévez
Lugar: Campo del Chao. O Grilo
Distancia: 11,2 km
Como chegar: Para chegar: Saíndo de Ribadeo en dirección a Asturias, no cruce de Barres vaise cara A Veiga, pásase Castropol, e o cartel que indica San Juan de Moldes, para a 700 metros entrar por un desvío a esquerda, ata o indicador de “casa Paquita” que se segue en dúas ocasións a primeira á dereita e a segunda á esquerda. Aparece xa a indicación de Presno, que volve a aparecer no seguinte cruce e comeza a ascensión que culmina ao chegar á estrada Bourio (Tol) – Presno, nese lugar, o Campo do Chao, comeza o paseo.
Sinopse: O camiño é de fácil andar, sempre por pistas de terra, anchas e practicamente horizontais o que permite ir contemplando as diferentes panorámicas do interior e da costa, neste paseo circular.
Percorrido: Tras unha cancela, que debe permanecer pechada, unha pista de terra, ancha e fácil de andar sube levemente, deixando á esquerda un camiño con herba, menos transitado. No punto máis alto crúzase un cortalumes e pásase a ter unha amplía panorámica do sur dos concellos de Castropol e da Veiga. Ao levar aproximadamente media hora de camiño, a pista bifúrcase, pola esquerda sóbese ao pico do Pousadoiro, pola dereita continúa o paseo ate a seguinte bifurcación, que realmente é un cruce de camiños, nesta cóllese á esquerda subindo unha costa moi suave que logo chega a unha cancela que impide aos cabalos, presentes en todo o paseo, entrar a uns prados que son de Balmonte. Non se pasa esta cancela, outra pista irá levando cara ao norte, entre prados nos que é fácil ver os corzos, e despois por un bosque, encima do Val de San Agustín. A medida que se rodea o Pousadoiro víase vendo Salave, Porcía, La Caridad …
A presencia dunha antena marca o lugar para o novo cambio de dirección, cara ao oeste, e nova panorámica, agora vese ao lonxe Barres, Ribadeo, Foz e Burela, e os lugares máis próximos de O Grilo, Tomentosa, Jonte e Culmieiros.
Aos dez quilómetros de iniciar o paseo unha nova bifurcación ofrece á dereita saír a estrada, á esquerda continuar o paseo por un camiño ancho, con herba que despois de un quilómetro sae á subida inicial. Teresa Díaz Estévez
Parroquias: Piñeira e Ove.
Distancia: 11 km
Sinopse: O camiño alterna pistas da concentración parcelaria con carreiros polo monte, e no remate ten 300m pola estrada. A primeira etapa é cara ao leste, paralela ao mar, a segunda atravesando polo monte e a terceira cara ao norte, paralela á ría.
Percorrido: Sáese de Ribadeo polo Xardín, pista, que foi camiño real, en dirección a Piñeira. A altura de Dompiñor hai unha estrada, asfaltada, na que se colle a esquerda, atravésase a N-634, e por unha pista de terra continúase cara ao sur para saír a estrada de Folgosa antes da curva pechada desde a que se ven as casas.
Xusto na curva entra un carreiro, ía a Fraga da Arca, entrando por el vaise indo ata os camiños bordeados de acacias de Santa Cruz. Atravésase por detrás do pico deste monte e sáese xunto ao que foi a fábrica de parqué. Agora hai que atravesar a estrada para ir ao Valín. Pasada a fonte éntrase pola primeira pista á esquerda que logo xira en ángulo recto, nese punto báixase, atallando, por un camiño do monte ata volver á pista xunto a un depósito de auga. Vaise á esquerda e poucos metros máis abaixo, antes de pasar o rego, entra un carreiro á dereita que irá pola beiriña da auga ata a pista que sobe á Graña, pódese subir por ela, sen desviarse, e comer contemplando a panorámica sobre a ría..
Algo máis abaixo que o lugar onde se sae aos prados, baixa un camiño estreito, xunto ao rego, que dará nunha pista na que se colle á esquerda, séguese por ela ata ver un camiño que baixa en liña recta, (con algunha acacia polo medio) e pasando baixo a vía do tren, sae nas aceas.
Hai que saír á estrada, e con precaución vir cara a Ribadeo ata o primeiro camiño á dereita que baixa ao antigo muíño de mareas, Nas Aceas ándase un tramo polas pedras e despois polo prado e o bosque desa enseada, onde un carreiro se vai abrindo ata ser un camiño que ven a saír á estrada a 200 metros da Vilavella. Éntrase na Vilavella, e ao saír das casas atravésase de novo a estrada e por debaixo do cemiterio vense Á Pega, a Faxarda e a Ribadeo.
Teresa Díaz Estévez
Lugar: San Miguel de Reinante
Distancia: 11 km
Sinopse: Paseo circular, que partindo da Barranca, barrio de San Miguel de Reinante sube por Remourelle ao monte Comado, rodéao e volve á Barranca .
Como chegar: Entrando no Concello de Barreiros pola N-634 desde Ribadeo, hai que pasar a praza e a ponte de San Miguel de Reinante, para entrar por a primeira estrada á esquerda, pásase a igrexa, o cemiterio e as casas da Barranca antes de chegar á estrada do monte, paralela á xeral.Neste cruzamento quedan os coches.
Percorrido: O paseo comeza cara ao sur, co río á esquerda, pásase xunto a unhas casas, máis adiante, aos 500m, hai unha estación depuradora, nada mais pasala aparece un camiño á esquerda. Neste punto hai dúas posibilidades:
1ª Seguir de fronte, pola pista (3´5 km). Ten unha pendente forte, suavizada cun trazado en zig-zag , que pasa despois a ser unha costa suave con firme de terra, entre piñeiros ou eucaliptos, non ten mais que unha bifurcación, a pista da dereita vai á canteira e a de fronte é a que se debe seguir para saír aos prados de Remourelle e da Ínsua. Unha vez neles unha pista tamén de terra, á esquerda, vai á estrada xeral a altura do ultramarinos de Remourelle.
2º Se pasada a estación depuradora se vai polo camiño da esquerda (3 km), o antes utilizado para ir de San Miguel a Remourelle, resulta unha senda limpa, con herba, musgos e folgueiras, sempre á beira do rego, escoitando a auga, ata chegar á presa. Desde aquí non hai camiño, pero si carreiros que ao ir subindo se van abrindo, ata volver a ser camiño xunto a pequena fraga que hai cerca do nacemento do rego; para máis adiante dar nunha pista, ancha, na que indo cara á esquerda se sobe cara ao barrio da Madanela para saír á mesma pista de terra, sobre os prados de Remourelle e da Insua que na primeira opción.
Na estrada, cara a dereita, sóbese uns metros ata verse o indicador de Rego de Mel, éntrase nel, e nos seguintes cruzamentos que se atopen, cóllese sempre cara arriba para chegar ao Comado (509m). Mentres se sube hai que pararse a mirar e situar o lugares próximos: Mondigo (60 metros máis alto que Comado), no val Cedofeita, os montes de Árante convertidos en praderías e o val que vimos de percorrer. Mais atrás, solitario, vese o pico da Frouxeira, de granito; e ao fondo as serras, a da Carba, o Xistral co pico Cadramón (1056m), a Toxiza e a Serra da Cadeira, que son as que separan a Mariña costeira da meseta interior.
Pouco a pouco, son 2´5 km desde o bar, chégase ao pico, rodéase, sempre polo mesmo camiño e unha explanada de pedra facilita a localización do lugar dende o que saltaban cos parapentes.
Agora a panorámica vai de cabo Burela a cabo Busto; apréciase en particular o espacio comprendido entre as bocas dos ríos Éo e Masma: Vilaselán, Piñeira, Vilaframil, Rinlo, A Devesa, Reinante, Barreiros e Benquerencia.
A pista continúa en leve descenso, hai que deixala para baixar por un camiño á dereita, tamén limpo, co firme de terra, que aparecerá ao tempo que se empece a ver a praia de Reinante.
Cando o camiño se confunda con unha pista ancha, horizontal que vai cara ao leste, haberá que prestar atención para seguir polo camiño que se traía, que sae á esquerda da pista para baixar cara a San Miguel. Unha vez na estrada que ven de Remourelle baixase por ela átaa o primeiro cruce, no que collendo á esquerda logo se chega ao punto de partida. Teresa Díaz Estévez
Concello: Castropol
Lugar: Tol
Distancia: 10 km
Sinopse: É circular, cun desnivel de 250m e excepto 1´2km que son por unha estrada asfaltada, de pouco tráfico o resto camíñase por pistas de terra percorrendo os montes de Tol dos Cabaleiros.
Como chegar: Sáese de Ribadeo cara Asturias pola ponte, ata o cruce de Barres onde se vai cara a Castropol. Antes do campo de fútbol xa se entra á esquerda ata chegar á igrexa de Tol. Hai unha pista asfaltada, a dereita, que pasa sobre o tren, e outra vez á dereita, vai cerca do cemiterio ata a área de lecer “O castañeirón”, no lugar de Forxa en Tol (Castropol). Aquí comeza e remata o paseo.
Percorrido: Unha pista sube en liña recta ás casas da Pumarega, onde se combina a gandería co turismo. Séguese cara ao mar ata unha pista que á dereita, entra no monte, e xa sorprende a vista panorámica da rasa costeira. Déixase unha subida bastante pendente á dereita, para a continuación desembocar noutra pista onde se colle á esquerda para baixar ao lugar de Boudois, pasadas as casas chégase a o Rego Boudois de Anguilera, e a súa beira, sempre a sombra, vaise subindo aos montes de Tol ata chegar a outra pista, na que á esquerda iríase ao lugar de Vista Alegre, e á dereita xa se ve a cheminea do forno, igual aos da Pontenova, no que se trataba o mineral de ferro, das minas próximas, para alixeiralo de peso. Nesta construcción que non parece ter chegado a utilizarse aprécianse elementos, raros de ver, como son a ponte superior para cargar o forno ou as parrillas, sobre as que se depositaba o mineral, no seu interior.
Seguindo por a pista na que está o forno déixase un desvío á dereita para chegar a un cruce no que se irá costa arriba polo bosque ata un prado no que indo cara á dereita logo se sae ao asfalto. Continuando en dirección oeste, con Cabo Burela ao fondo, pásase por a Brañuela, xunto aos xatiños dunha gandería importante, déixanse desvíos que baixan á dereita, e outros que soben á esquerda, ata chegar á Pena de Cabras nun punto no que a estrada parece pasar a ser un camiño estreito, pero dando unha curva moi pechada segue o asfalto, que baixará ao punto de partida. Non é preciso seguir a estrada porque pasadas dúas casas, entra un camiño á esquerda que baixa ao río de Tol, e a súa beira vaise indo ata “O Castañeirón”
Teresa Díaz Estévez









