Archive for the Concello de Ribadeo Category
Concello:Ribadeo
Parroquias: Santalla de Vilausende e Ove
Distancia: 16 km
Transporte: FEVE. (consultar horarios)
Punto de partida: Estación de FEVE da Veiga
Percorrido: Saíndo da estación cara á Veiga, a altura de Ferros Alonso, entrando á dereita, hai unha ponte para cruzar o Río Suarón, e despois de atravesar o recinto feiral, outra ponte permite pasar o Río Monjardín e outra vez á dereita vaise á ponte sobre o Río Eo. Xa en Galicia no lugar de Porto de Abaixo, unha estrada pendente sobe entre as casas, e gañando altura hai unha vista panorámica da xunqueira e os meandros do río Eo. Ao chegar a estrada de Porto de Arriba hai que ir á esquerda, pasando xunto a subestación do gas, para baixar ao Río da Veiga, Carbón e a Curuxeira para chegar á estrada de Santalla de Vilausende.
Vaise a esquerda, cara ao pazo, uns metros para entrar pola estrada que pasa diante da igrexa e seguir por ela ata o lugar de Santomé. Pasadas as casas baixa un primeiro camiño ao río grande, por o que non se entra, pero hai que velo, para despois entre os eucaliptos ver o segundo e así saber que no seguinte, o terceiro que fai unha pequena isleta a modo de rotonda, é o adecuado para baixar ao Río Grande nun punto que se pode atravesar por unha ponte de cemento e continuar por pistas de terra collendo cara a dereita na pista mais ancha na que se desemboca para chegar a Reme de Arriba.
Báixase de Reme a estrada xeral para ir uns metros á esquerda e subir por camiños de terraa ata Frieira Vella. Na estrada á esquerda vaise cara a Pastoriza e no cruze á dereita por unha pista de terra atravésase o monte para saír a Vilar da Graña. Chegando ao asfalto á esquerda vaise á Graña e fronte a capela, entre as casas continúa un camiño que baixa á Palmeira, ao pasalo río convén desviarse uns metros augas arriba, para ver o muíño, actualmente en fase de recuperación, saése a Ove e a Ribadeo.
Teresa Díaz Estévez
Concello: Ribadeo
Parroquias: Vilaselán e Piñeira
Percorrido: Iníciase este paseo na a Illa Pancha, cara ao oeste, pásase fronte a Subrilada e o Mourón para chegar á praia das Areosas, e atopar o paso interrompido por unha parede de toxos que impide chegar ao Río de Vilaselán. Hai dereito de paso, pero non se pasa, é preciso rodear a finca particular, e a depuradora por onde en tempos houbo outra entrada, para atopar o camiño que vai xunto ao río ata a depuradora alí pasalo e subir polo piñeiral da outra marxe. Esta puidera ser a parte mais bonita do paseo.
Camiñando sobre as praias do Niño do corvo e da Cova da palla, chégase ao primeiro dos foxos defensivos do castro de Vilaselán, ao segundo e ao terceiro, para estar no lugar do castro, fronte á Insua; por poñente o foxo é natural, o Ollo de Vilaselán.
Aquí éntrase en Piñeira onde o camiño é cómodo, pasa polo Gallín, rodea a enseada da Olga da Arnela, pasa As longas e a praia da Areosa. A seguinte enseada é O loureiro que remata na península de Celeirós, cortada pola desembocadura do Río de Piñeira, no Portal, dentro da enseada da vella ou da abella.
Chégase así ao castro de Piñeira, no que se ven perfectamente os primeiros foxos antes de chegar fronte a Illa do Castro, (o mesmo que a Insua, nestas illas dos castros tiveron lugar, probablemente, os primeiros asentamentos de poboación.) Os foxos do outro lado vese que foron unidos para dar lugar a unha terra de labor. A continuación están os Baixos de Fornelos na saída ao mar do Rego do Couso, onde remata a costa de Piñeira.
Nada máis entrar a Vilaframil hai un lugar para descansar e comer.Desde alí regrésase a Ribadeo polas pistas de concentración parcelaria, practicamente en liña recta.
Teresa Díaz Estévez
Distancia:12km
Percorrido: Partindo da piscina municipal, por A Pega e San Xoán, vaise cara á A Palmeira. Ao chegar a este barrio entra en liña recta un camiño que ao achegarse ao río se bifurca; collendo á dereita súbese xunto ao Rego de San Martín, ata o extremo do punto limpo, onde comeza un carreiro que vai por diante das casas da Capela, ata un cruce, na parte alta de Pastoriza.
Indo á esquerda, cara ao leste, éntrase nun monte de eucaliptos ata chegar a unha pista de terra, ancha, vaise por ela , á esquerda ata o primeiro camiño que entra no monte da dereita, para ir a Frieira Vella, e pola estrada á esquerda ata Frieira Nova. Chegando á primeira edificación, unha casa en ruinas, pequena, éntrase polo camiño que a rodea para regresar á pista ancha de terra e por ela á dereita vaise ao Vilar da Graña, con unha fermosa panorámica da ría. No camiño asfaltado ao que se chega, cóllese á esquerda para ir á capela do Santo Estebo, na Graña, onde se pode descansar. Entre as casas, e por detrás da última, hai un camiño que vai a uns prados e logo baixa a esquerda, entrando nun bosque, ata chegar xunto a un rego.
Entre voltas, acacias, carballos e algún castiñeiro volve á A Palmeira, ao chegar á estrada indo á dereita, un pouco antes dos restos da capela do Bo Xesús, un camiño que foi real, baixa á Vilavella, pasease xunto á ría e súbise entre as casas de este barrio para volver por o cemiterio e A Pega ata a punto de partida en Ribadeo.
Teresa Díaz Estévez
Concello: Ribadeo
preme no mapa para amplialo
Parroquia: Covelas
Distancia: 10 km
Aviso: Os camiños poden estar pechados por a maleza
Como chegar: Na estrada á Veiga, déixase o coche en Reme de Abaixo. Nada mais pasar a ponte sobre o Río Grande, subindo un muro, éntrase na Fraga de Reigosa.
Percorrido: Atravésase a Fraga de Reigosa, ao son do río para saír na Ponte da Acea. Pásase o río e sóbese cara a Reme de Arriba, ata atopar un camiño á esquerda que volve ao río, xunto a un dos moitos muíños que se ven, e o atravesa esta vez por unha ponte de cemento. O camiño sempre cerca do río continúa a Pena Tallada, tamén coa súa ponte, esta de pedra, e o seus muíños.
Deixando o Río Grande á esquerda, cada vez máis lonxe vaise á escola de As Anzas onde un desvío á dereita vai, atravesando a estrada Reme-Vilamar, ata o Río Pequeno no lugar de O Carboeiro. Onde se comenzan a ver as casas, aparece un camiño á dereita que irá á beira do río ata a súa desembocadura, en Reme de Abaixo
Teresa Díaz Estévez
Parroquias: Piñeira e Ove.
Distancia: 11 km
Sinopse: O camiño alterna pistas da concentración parcelaria con carreiros polo monte, e no remate ten 300m pola estrada. A primeira etapa é cara ao leste, paralela ao mar, a segunda atravesando polo monte e a terceira cara ao norte, paralela á ría.
Percorrido: Sáese de Ribadeo polo Xardín, pista, que foi camiño real, en dirección a Piñeira. A altura de Dompiñor hai unha estrada, asfaltada, na que se colle a esquerda, atravésase a N-634, e por unha pista de terra continúase cara ao sur para saír a estrada de Folgosa antes da curva pechada desde a que se ven as casas.
Xusto na curva entra un carreiro, ía a Fraga da Arca, entrando por el vaise indo ata os camiños bordeados de acacias de Santa Cruz. Atravésase por detrás do pico deste monte e sáese xunto ao que foi a fábrica de parqué. Agora hai que atravesar a estrada para ir ao Valín. Pasada a fonte éntrase pola primeira pista á esquerda que logo xira en ángulo recto, nese punto báixase, atallando, por un camiño do monte ata volver á pista xunto a un depósito de auga. Vaise á esquerda e poucos metros máis abaixo, antes de pasar o rego, entra un carreiro á dereita que irá pola beiriña da auga ata a pista que sobe á Graña, pódese subir por ela, sen desviarse, e comer contemplando a panorámica sobre a ría..
Algo máis abaixo que o lugar onde se sae aos prados, baixa un camiño estreito, xunto ao rego, que dará nunha pista na que se colle á esquerda, séguese por ela ata ver un camiño que baixa en liña recta, (con algunha acacia polo medio) e pasando baixo a vía do tren, sae nas aceas.
Hai que saír á estrada, e con precaución vir cara a Ribadeo ata o primeiro camiño á dereita que baixa ao antigo muíño de mareas, Nas Aceas ándase un tramo polas pedras e despois polo prado e o bosque desa enseada, onde un carreiro se vai abrindo ata ser un camiño que ven a saír á estrada a 200 metros da Vilavella. Éntrase na Vilavella, e ao saír das casas atravésase de novo a estrada e por debaixo do cemiterio vense Á Pega, a Faxarda e a Ribadeo.
Teresa Díaz Estévez
Lugar: San Miguel de Reinante
Distancia: 11 km
Sinopse: Paseo circular, que partindo da Barranca, barrio de San Miguel de Reinante sube por Remourelle ao monte Comado, rodéao e volve á Barranca .
Como chegar: Entrando no Concello de Barreiros pola N-634 desde Ribadeo, hai que pasar a praza e a ponte de San Miguel de Reinante, para entrar por a primeira estrada á esquerda, pásase a igrexa, o cemiterio e as casas da Barranca antes de chegar á estrada do monte, paralela á xeral.Neste cruzamento quedan os coches.
Percorrido: O paseo comeza cara ao sur, co río á esquerda, pásase xunto a unhas casas, máis adiante, aos 500m, hai unha estación depuradora, nada mais pasala aparece un camiño á esquerda. Neste punto hai dúas posibilidades:
1ª Seguir de fronte, pola pista (3´5 km). Ten unha pendente forte, suavizada cun trazado en zig-zag , que pasa despois a ser unha costa suave con firme de terra, entre piñeiros ou eucaliptos, non ten mais que unha bifurcación, a pista da dereita vai á canteira e a de fronte é a que se debe seguir para saír aos prados de Remourelle e da Ínsua. Unha vez neles unha pista tamén de terra, á esquerda, vai á estrada xeral a altura do ultramarinos de Remourelle.
2º Se pasada a estación depuradora se vai polo camiño da esquerda (3 km), o antes utilizado para ir de San Miguel a Remourelle, resulta unha senda limpa, con herba, musgos e folgueiras, sempre á beira do rego, escoitando a auga, ata chegar á presa. Desde aquí non hai camiño, pero si carreiros que ao ir subindo se van abrindo, ata volver a ser camiño xunto a pequena fraga que hai cerca do nacemento do rego; para máis adiante dar nunha pista, ancha, na que indo cara á esquerda se sobe cara ao barrio da Madanela para saír á mesma pista de terra, sobre os prados de Remourelle e da Insua que na primeira opción.
Na estrada, cara a dereita, sóbese uns metros ata verse o indicador de Rego de Mel, éntrase nel, e nos seguintes cruzamentos que se atopen, cóllese sempre cara arriba para chegar ao Comado (509m). Mentres se sube hai que pararse a mirar e situar o lugares próximos: Mondigo (60 metros máis alto que Comado), no val Cedofeita, os montes de Árante convertidos en praderías e o val que vimos de percorrer. Mais atrás, solitario, vese o pico da Frouxeira, de granito; e ao fondo as serras, a da Carba, o Xistral co pico Cadramón (1056m), a Toxiza e a Serra da Cadeira, que son as que separan a Mariña costeira da meseta interior.
Pouco a pouco, son 2´5 km desde o bar, chégase ao pico, rodéase, sempre polo mesmo camiño e unha explanada de pedra facilita a localización do lugar dende o que saltaban cos parapentes.
Agora a panorámica vai de cabo Burela a cabo Busto; apréciase en particular o espacio comprendido entre as bocas dos ríos Éo e Masma: Vilaselán, Piñeira, Vilaframil, Rinlo, A Devesa, Reinante, Barreiros e Benquerencia.
A pista continúa en leve descenso, hai que deixala para baixar por un camiño á dereita, tamén limpo, co firme de terra, que aparecerá ao tempo que se empece a ver a praia de Reinante.
Cando o camiño se confunda con unha pista ancha, horizontal que vai cara ao leste, haberá que prestar atención para seguir polo camiño que se traía, que sae á esquerda da pista para baixar cara a San Miguel. Unha vez na estrada que ven de Remourelle baixase por ela átaa o primeiro cruce, no que collendo á esquerda logo se chega ao punto de partida. Teresa Díaz Estévez
Para ver unha foto preme nela
Concello: Ribadeo
Parroquia: A Devesa , Rinlo
Distancia: 9 km
Transporte: FEVE
Percorrido: Este paseo comeza na praia de San Miguel de Reinante, Barreiros, vindo cara ao leste polo paseo de madeira, que leva á Malata, desembocadura do Rego Pernón onde comeza o Concello de Ribadeo. A este lugar, de marea baixa, chégase dende ambos concellos por cinco pasadizos diferentes; con marea alta queda illado polo propio paseo.Séguese sobre a praia das Augas Santas até a entrada á praia das Catedrais, baixando un pouco cara á praia, pasados os servicios un camiño moi pisado indica a dirección a seguir. Vense os “ollos” das covas, arcos e pasos da praia As Catedrais e logo se chega a Esteiro. Sempre á esquerda, o carreiro á beira do mar rodea a entrada do Cadramón, e mais adiante a praia de Cova que nos bota uns metros á estrada. Ao leste está a praia As Illas, sobre ela o castro e no castro unha casa particular. Ten un cancela para a serventía obrigada de paso.Xa se ve a praia dos Castros ou Marbadás, entre ela e a seguinte, Xuncos, imos por un tramo de paseo empedrado. Continuamos polo carreiro até a seguinte entrada, Porto, que chega até a estrada. Ao seu remate, collemos á esquerda para seguir xunto ao mar e chegar á praia de Meirengos. Nesta zona o cantil deixa pouco paso, se os penedos están mollados ou alguén ten dificultade para pasar, pode ir 300m pola estrada para voltar á costa unha vez pasado o lugar de Meirengos. Vese Punta Corveira cos Cormoráns na illa, e a cetárea, lugar onde esparaba a ser vendido o marisco da costa de Rinlo: lumbrigantes, langostas e sobre todo andaricas. Imos sobre os penedos e ao chegar á terceira cetárea hai un paseo marítimo que sube xunto ao rio á fonte de Xuncos e volve pola Ribeira, sobre a praia da Areosa, que non ten area, para rematar na pista polideportiva.
Teresa Díaz Estévez
Parroquias: Rinlo, Vilaframil, Piñeira e Vilaselán
Distancia: 16 km
Transporte: FEVE para consultar os horario preme aquí
Percorrido: Unha vez en Rinlo, camíñase por rúas e congostras, cara ao sur do núcleo urbano; por unha pista sen asfalto chégase a Punta Corveira para regresar por a costa, visitando as tres cetarias e percorrendo o novo paseo marítimo.
Ao chegar á pista polideportiva, continúase poro carreiro de serventía á beira do mar. Na enseada de Liñares éntrase na parroquia de Vilaframil e logo de As Pudias, na desembocadura do Rego do Couto, hai unha área de lecer, sitio adecuado para descansar e comer.
Pasado o rego está o Castro de Piñeira e seguindo o paseo á beira do mar rodéase a península de Celeirós, pásase sobre as praias da Areosa e da Olga e éntrase en Vilaselán por o Castro das Grobas. Queda por visitar a desembocadura do río de Vilaselán, que se cruza fronte a depuradora, para saír a pista que vai á praia da Areosa, xunto as Penas Brancas, e á illa Pancha.
Vólvese a Ribadeo por A Chousa, A Torre, O Circo e Campoxurado.
Teresa Díaz Estévez
Parroquias: Covelas e Cedofeita Para localizar o punto de partida preme aquí
Distancia: 14 km
Percorrido: O punto de partida é o restaurante A Pena, en Vilela; desde onde se van seguindo as indicacións do camiño de Santiago ata pasar a igrexa de San Vicente de Cubelas e saír á estrada no barrio do Esfolado. Deixase o camiño para baixar ao río por unha pista asfaltada que sube a Cedofeita por o lateral da Casa Grande. Percorrendo a súa fachada, e camiñando uns metros mais vólvese a chegar ao río, que marca o cambio de parroquia. Á dereita sube un camiño á sombra de castiñeiros ao Pedregal e San Antonio, chegando a cápela de O Viso onde se pode descansar contemplando a panorámica do val.
Avánzase cara ao leste, para ver a fonte do Sueiro, en Requiande, e unha ponte sobre o rego Queixoiro con o que volvemos ao Río Grande para dirixirnos a Salcedo, por os camiños e carreiros da súa marxe esquerda, augas abaixo.
Despois da presa, xunto ao muíño, crúzase de novo o río, para subir a visitar o lugar que foi O Castro da Pumarega. Ao baixar atravesaremos o río e As Anzas, e xunto á escola, por unha pista de terra regresaremos ao punto de partida
Teresa Díaz Estévez
Parroquias: Arante, Devesa, Vilaframil, Piñeira e Ove
Distancia: 18 km Para situar o punto de partida preme aquí
Percorrido: O punto de partida, para esta travesía en descenso por os montes de Ribadeo, é o bar ultramarinos “Centro”, en Remourelle; con 350 m de altitude, desde onde se sube, por pistas de terra, a Penalonga, no pico do monte Comado (509 m).
Atravesando monte baixo, chégase a Noceda, e bordeando o Mondigo, por a cara norte, sáese a Cereixido. Continua o paseo por a forestal que vai xunto a A Coroa , pico ao que se pode subir (367 m), e a O Corno (296 m), sitio recomendado para comer.
Continúase baixando, sempre cara ao leste, por a pista forestal de Vilaframil, ata coller un desvío á dereita que leva por debaixo de Acevedo ao monte de Santa Cruz (175 m).
O derradeiro tramo do descenso será por as pistas de Ove.
Teresa Díaz Estévez







