Archive for the Paseos por Vilausende Category
Concello:Ribadeo
Parroquias: Santalla de Vilausende e Ove
Distancia: 16 km
Transporte: FEVE. (consultar horarios)
Punto de partida: Estación de FEVE da Veiga
Percorrido: Saíndo da estación cara á Veiga, a altura de Ferros Alonso, entrando á dereita, hai unha ponte para cruzar o Río Suarón, e despois de atravesar o recinto feiral, outra ponte permite pasar o Río Monjardín e outra vez á dereita vaise á ponte sobre o Río Eo. Xa en Galicia no lugar de Porto de Abaixo, unha estrada pendente sobe entre as casas, e gañando altura hai unha vista panorámica da xunqueira e os meandros do río Eo. Ao chegar a estrada de Porto de Arriba hai que ir á esquerda, pasando xunto a subestación do gas, para baixar ao Río da Veiga, Carbón e a Curuxeira para chegar á estrada de Santalla de Vilausende.
Vaise a esquerda, cara ao pazo, uns metros para entrar pola estrada que pasa diante da igrexa e seguir por ela ata o lugar de Santomé. Pasadas as casas baixa un primeiro camiño ao río grande, por o que non se entra, pero hai que velo, para despois entre os eucaliptos ver o segundo e así saber que no seguinte, o terceiro que fai unha pequena isleta a modo de rotonda, é o adecuado para baixar ao Río Grande nun punto que se pode atravesar por unha ponte de cemento e continuar por pistas de terra collendo cara a dereita na pista mais ancha na que se desemboca para chegar a Reme de Arriba.
Báixase de Reme a estrada xeral para ir uns metros á esquerda e subir por camiños de terraa ata Frieira Vella. Na estrada á esquerda vaise cara a Pastoriza e no cruze á dereita por unha pista de terra atravésase o monte para saír a Vilar da Graña. Chegando ao asfalto á esquerda vaise á Graña e fronte a capela, entre as casas continúa un camiño que baixa á Palmeira, ao pasalo río convén desviarse uns metros augas arriba, para ver o muíño, actualmente en fase de recuperación, saése a Ove e a Ribadeo.
Teresa Díaz Estévez
Concello: Ribadeo
preme no mapa para amplialo
Parroquia: Covelas
Distancia: 10 km
Aviso: Os camiños poden estar pechados por a maleza
Como chegar: Na estrada á Veiga, déixase o coche en Reme de Abaixo. Nada mais pasar a ponte sobre o Río Grande, subindo un muro, éntrase na Fraga de Reigosa.
Percorrido: Atravésase a Fraga de Reigosa, ao son do río para saír na Ponte da Acea. Pásase o río e sóbese cara a Reme de Arriba, ata atopar un camiño á esquerda que volve ao río, xunto a un dos moitos muíños que se ven, e o atravesa esta vez por unha ponte de cemento. O camiño sempre cerca do río continúa a Pena Tallada, tamén coa súa ponte, esta de pedra, e o seus muíños.
Deixando o Río Grande á esquerda, cada vez máis lonxe vaise á escola de As Anzas onde un desvío á dereita vai, atravesando a estrada Reme-Vilamar, ata o Río Pequeno no lugar de O Carboeiro. Onde se comenzan a ver as casas, aparece un camiño á dereita que irá á beira do río ata a súa desembocadura, en Reme de Abaixo
Teresa Díaz Estévez
Parroquia: Santalla de Vilausende
Lugar: Lourido
Como chegar: Na estrada de Ribadeo á Veiga, despois de pasar a ponte de Reme, aparece o indicador de Lourido, nada máis entrar nesa dirección, déixanse os coches.
Percorrido: comeza o paseo, subindo a costa e ampliando a vista panorámica da ría. Ao chegar ao bosque hai que entrar por unha pista á dereita, que logo se bifurca, o camiño da dereita volve cara á ría, o da esquerda ( case pechado os primeiros metros) é o que se ten que seguir para ir paralelos ao Río Grande, atravesando a fraga. Cando o camilo remata nuns prados á beira do río, haberá que subir por un carreiro a buscar unha pista forestal que continúa subindo ata a estrada que vai a Santalla.
Por detrás do casarío que da á estrada, vai un camiño que logo de pasar xunto a un poste de telefonía atravesa a estrada de Santomé para entrar nun bosque con foxos e muros que defenden os restos das paredes de edificacións circulares que houbo neste castro. A continuación hai prados con vacas, así que é conveniente retroceder á estrada e seguir por ela ás primeiras casas de Vilaosende, onde entra unha pista cara á dereita que se bifurcará aos poucos metros. Déixase o desvío da dereita, que vai a Santomé, e séguese o da esquerda que leva á Atarola.
Ao chegar á estrada, con atravesala xa se atopa o camiño a seguir, unha senda co piso de herba desde a que se ven os meandros do Río Eo. Ao chegar Á Venda, en Couxela, atravésase a estrada, e o camiño continúa, en suave ascensión, ata culminar nos prados de Carbón, para baixar por un carreiro ao Carbón, e seguir agora por estrada á Santalla e máis adiante, no cruce, por a dereita, ir cara a Lourido. Nesta zona a panorámica a contemplar é a da Veiga.
Antes das casas, entre prados baixa un carreiro que chega a vía do tren de Vilaodrid, e seguíndoa cara a Ribadeo, dáse no punto de partida
Teresa Díaz Estévez