Archive for the Castropol Category

Campo do Chao - Balmonte - Samagán


Visualizar o mapa ampliado

Concello:Castropol

Distancia:16 km

Sinopse:Desde O Campo do Chao vaise camiñando sempre co Pousadoiro á esquerda, 5km, ata chegar á zona de prados, atravésanse para ir a Balmonte desde onde se baixa ao son do río á Veiga dos muíños e a Samagán. Os primeiros 300 metros de baixada son por un camiño en mal estado. o resto do paseo é por pista de terra ancha e libre de maleza

Punto de partida:Campo do Chao. convén ir pola Veiga a Piantón e Samagán, onde se deixará un dos coches, e se collerá a estrada que, por Presno, sube ao Campo do Chao.

Percorrido:Unha vez arriba comeza o paseo traspasando a cancela que impide a saída dos cabalos, ten unha pequena subida durante a que se ve a rasa costeira de Asturias, panorámica que cambia ao chegar ao punto mais alto, pasando a contemplar o val do Suarón que baixa da Garganta, e mais tarde o do Rego dos Cobos, por onde se regresará.
Avánzase pola pista ata aproximarse ao pico Pousadoiro, momento en que se colle cara á esquerda subindo ata chegar a uns casetos de madeira e logo a outra cancela. Pásase, péchase e continúa o paseo entre uns prados baixando ata chegar a Balmonte.
Vaise uns metros pola estrada en dirección á Veiga, ata un camiño que comeza a baixar en dirección a Requeixo. Ao chegar ao lugar no que houbo a corta, hai que entrar nun prado a esquerda e ir baixando ata dar na pista ancha, de terra, na que collendo á esquerda leva ao final deste paseo, Samagán, sempre á beira do Rego dos Cobos.

Tol dos cabaleiros


Visualizar o mapa ampliado

30-tol.jpg   

Concello: Castropol

Lugar: Tol

Distancia: 10 km

Sinopse: É circular, cun desnivel de 250m e excepto 1´2km que son por unha estrada asfaltada, de pouco tráfico o resto camíñase por pistas de terra percorrendo os montes de Tol dos Cabaleiros.

Como chegar: Sáese de Ribadeo cara Asturias pola ponte, ata o cruce de Barres onde se vai cara a Castropol. Antes do campo de fútbol xa se entra á esquerda ata chegar á igrexa de Tol. Hai unha pista asfaltada, a dereita, que pasa sobre o tren, e outra vez á dereita, vai cerca do cemiterio ata a área de lecer “O castañeirón”, no lugar de Forxa en Tol (Castropol). Aquí comeza e remata o paseo.

Percorrido: Unha pista sube en liña recta ás casas da Pumarega, onde se combina a gandería co turismo. Séguese cara ao mar ata unha pista que á dereita, entra no monte, e xa sorprende a vista panorámica da rasa costeira. Déixase unha subida bastante pendente á dereita, para a continuación desembocar noutra pista onde se colle á esquerda para baixar ao lugar de Boudois, pasadas as casas chégase a o Rego Boudois de Anguilera, e a súa beira, sempre a sombra, vaise subindo aos montes de Tol ata chegar a outra pista, na que á esquerda iríase ao lugar de Vista Alegre, e á dereita xa se ve a cheminea do forno, igual aos da Pontenova, no que se trataba o mineral de ferro, das minas próximas, para alixeiralo de peso. Nesta construcción que non parece ter chegado a utilizarse aprécianse elementos, raros de ver, como son a ponte superior para cargar o forno ou as parrillas, sobre as que se depositaba o mineral, no seu interior.

Seguindo por a pista na que está o forno déixase un desvío á dereita para chegar a un cruce no que se irá costa arriba polo bosque ata un prado no que indo cara á dereita logo se sae ao asfalto. Continuando en dirección oeste, con Cabo Burela ao fondo, pásase por a Brañuela, xunto aos xatiños dunha gandería importante, déixanse desvíos que baixan á dereita, e outros que soben á esquerda, ata chegar á Pena de Cabras nun punto no que a estrada parece pasar a ser un camiño estreito, pero dando unha curva moi pechada segue o asfalto, que baixará ao punto de partida. Non é preciso seguir a estrada porque pasadas dúas casas, entra un camiño á esquerda que baixa ao río de Tol, e a súa beira vaise indo ata “O Castañeirón”

Teresa Díaz Estévez

Paseo por Vilavedelle


Visualizar o mapa ampliado
Concello: Castropol 

Parroquia: Vilavedelle 

Distancia:12km

Como chegar: Na estrada nacional 640, saíndo de Castropol, dirección  a  Vegadeo hai un restaurante, O asador, actualmente pechado, que dispón de un amplo aparcadoiro. Este será o punto de partida para o paseo.

Percorrido: Alí mesmo parte unha pista á dereita e por ela se entra. Nada mais pasar a serra entran no monte dous camiños moi próximos, vaise polo segundo pasando xunto a unha pista de tenis, ata chegar ao camiño que baixa a praia da Regueira. Baixando, visítase a praia e volvese por o mesmo camiño ata atopar un carreiro que rodea esta bagoada, ten algunha silva pero está ben delimitado por paredes de pedra. Avanza entre carballos loureiros e bidueiros para entrar despois nun bosque de piñeiros. A senda a seguir é paralela á ría. Ao levar aproximadamente unha hora de paseo, aparece unha pista que baixa, entre castiñeiros, a praia do Barco do Cura. Deste lugar saían barcos cargados co mineral tratado nos fornos de cal ou caleras que hai na mesma praia. Este dato axuda a comprender a estraña paisaxe pola que paseamos.

Realizando o paseo no devalar da marea, pódese continuar pola beira da auga, pisando pedras e marfollos ata Punta Veloso, lugar excepcional para contemplar as aves da ría.

Xusto en Punta Veloso entra un carreiro, neste tramo entre eucaliptos, que vai subindo ata chegar a un desnivel máximo de 53 metros. Sae o carreiro a un camiño polo que se chega á Granda. Ao chegar ao asfalto vaise á dereita para cruzar a estrada 640 e uns metros á esquerda seguir o indicador de Iramola atravesar este lugar e gañando algo de altura ir a Lantoira, onde se verán indicadores do Camiño de Santiago, e subir á capela da Silvallá . Retórnase ao camiño para ir en dirección norte, ata chegar á estrada que ven de Presno a Sabugo. Despois de pasar a ponte sobre a vía do tren,  atravésase a estrada do Valín para ir en dirección a Vilarrasa onde aparecen os indicadores da senda costeira que agora se seguirá ata o lugar en que se bifurca.

O indicador da esquerda fai referencia a un punto de observación, e merece a pena achegarse a él por ver a panorámica da boca da ría, aínda que haberá que regresar ao lugar da bifurcación para ir cara á cúpula da igrexa de San Juán de Moldes atravesar este lugar e un pouco antes de chegar á estrada se ve un camiño que baixa xusto ao lugar no que quedaron os coches.   

                                                                                  Teresa Díaz Estévez

As Figueiras

Concello: Castropol                                      16arnao-penarronda.jpg

Parroquia: As Figueiras

Distancia:16 km

Percorrido: Comézase na marxe asturiana da Ponte dos Santos, en San Román. Pola beira da ría pásase baixo a N-634 e atravesando un área de lecer, vaise sobre a Praia de Arnao ata a Punta da Cruz. Sobre os cantís, rodéase o Langosteiro e a Espiela, e pasado o campo de tiro, vólvese ao carreiro da beira do mar. Vénse os fosos dun castro xunto ao Salgueiro, pásase A Rubia e chégase á Punta do Corno ónde se atopa información sobre os vestixios doutro castro. Sempre á beira do mar chégase á Praia de Penarronda.         Iníciase a volta atravesando o núcleo urbano de Villadún e cruzando de novo baixo a estrada para saír a Lois, desde ónde se continúa ata o que foi o palacio dos Pardo de Donlebún (s XVII-XVIII). Por camiños bordeados de árbores báixase aos Muíños, onde hai información sobre o funcionamento dos muíños de mareas. Con a ría á esquerda chégase Ás Figueiras, para pasear polas rúas e rueiros, ver o Pazo dos condes de Trenor (s XVI-XVII) e rematar o paseo regresando a San Román.    

         Un grupo de camiñantes de Ribadeo, realizará este paseo o próximo sábado 6 de Marzo.

Teresa Díaz Estévez

Samagán. Presno

Concello:Castropol                               40-samagan.jpg veiga-dos-mulios-3.JPG

Parroquia: Presno

Distancia: 11km 

Sinopse: Transcorre ao longo do Rego dos Cobos, afluente do Suaron. Ten un desnivel de 250 metros e camíñase por pistas anchas e sen tráfico durante todo o paseo, agás 200m que hai que subir por un camiño de monte sen maiores dificultades.

Percorrido:Desde Ribadeo indo pola Veiga e Piantón pola estrada AS 22 chégase a Samagán, onde se collerá á dereita para deixar o coche nada mais pasar a ponte. Nese lugar arranca unha pista de terra, paralela ao rego, augas arriba. Pásase por Rondeiras onde hai un muíño restaurado, nun enclave no que as edificacións son de  pedra e madeira. O patrimonio  arquitectónico é un dos valores deste paseo.

Despois dun gran galiñeiro á dereita hai unha casa amarela, con curioso alumeado. Xunto á casa sube unha pista de terra, haberá que ir por ela e no cruce ir á esquerda, dirección leste, cara a unha casa de pedra. Uns metros antes da casa, subirase por un camiño antigo ata dar noutra pista de concentración parcelaria, na que colleremos de novo á esquerda, para ir ganando altura ata chegar á estrada asfaltada que vai de Vilar a Lanteiro.

Aínda que este lugar non chega aos 300 metros de altitude ten unha vista panorámica interesante. No asfalto séguese cara ao leste, pásase por Lanteiro e ao coroar La Arvedosá aparece, á esquerda, unha pista tamén asfaltada que atravesa un piñeiral e bifúrcase. Pola pista de terra, vaise ao lugar de Canedo onde volve a haber asfalto en dirección a Murias, nada mais pasar o río déixase a estrada para comezar o regreso por unha pista que sempre á beira do río, pasa por Veiga dos molíos e remata en Samagán.

                                                                                               Teresa Díaz Estévez

O Esquilo. Castropol

Concello: Castropol.                o-esquilo.JPG   

Distancia: 12,5 km                                                         

            Á entrada de Castropol, indo desde Barres, comeza un paseo pola zona comprendida entre a estrada e a ría. Vai tan próximo á auga como o terreo lle permite, camiñando así por lugares de gran interese, antes inaccesibles para o público. Chegando ao Esquilo hai que subir a unha curva, abandonada pola estrada actual, que baixa ata a o rego de Berbesa e sube  aproximándose de novo á estrada para continuar ao interesante lugar da Linera.

Segue o paseo á beira da ría rodeando a enseada do muíño de mareas e sube ata un cruceiro, onde se vai cara á dereita e outra vez á dereita pasada a casa con invernadoiros, para iniciar o regreso por unha pista de terra . Sen variar a dirección pásase por Donlebún e a pista continúa atravesando a estrada e subindo, xunto a un piñeiral a desembocar noutra pista tamén de terra que forma parte da senda E-9.

Hai que xirar á dereita e seguir as indicacións desta senda que vai por riba do Gondán, baixa ao río e entre piñeiros sae a unha estrada asfaltada. Seguindo as marcas vaise ata un punto recomendado como vista panorámica e desde el báixase exactamente ao punto de partida.    

                                                                                              Teresa Díaz Estévez