Archive for the Mariña Lucense Category

Río Landro: de Covas a Galdo


Visualizar o mapa ampliado

Concello: Viveiro

Lugar: Covas

Transporte: FEVE para consultar os horario preme aquí

Percorrido: Comenza o paseo na estación de Covas, desde a que se baixa a praia en liña recta. Ao longo da praia e despois a beira do río hai 2km de paseo ata a primeira ponte e 600m mais ata a segunda ponte, pola que se atravesa.
Tras pasar por debaixo da vía do tren, comenza un camiño, sempre xunto ao Landro, de 3,3 km que vai ao lugar de Galdo. Estre tramo é de ida e volta, rematando o paseo na estación de Viveiro, onde haberá que estar antes das 17:05 para coller o tren de regreso que chega a Ribadeo ás 18:18.

Ruta verde: O tren de Vilaodrid


Visualizar o mapa ampliado

Concellos: A Pontenova(Lugo) e San Tirso (Asturias)                      26-tren-de-vilaodriz.jpg

Distancia: 12 km                                                            

Curiosidades: A vía do tren mineiro na súa totalidade medía 34 km dende Vilaodriz (A Pontenova) a Porto Estreito (Ribadeo). Comenzou a funcionar no ano 1903 co primeiro transporte de mineral de ferro, en Agosto de 1905 aumentou sete coches para transporte de viaxeiros, e foi clausurado no ano 1965.

Percorrido: O punto de partida son os fornos de limonita, na  Pontenova , na marxe dereita do Río Éo. Aquí o camiño é estrada, ao ir saíndo do pobo convértese en pista de paseo con fonte, mesas e lugares de descanso e despois xa se recoñece como lña ferroviaria, de vía métrica, sempre á marxe do río. Ten unha pendente máxima de 8´7milímetros por metro, e o radio mínimo das curvas é de 100 metros. As indicacións para o traxecto son sinxelas: sempre en liña recta, sen subir nin baixar.

            A ruta pasa por a parroquia de Conforto, A Pontenova,  e por San Tirso (Asturias) onde atravesará tres túneles antes de pasar á marxe esquerda en Vilaformán, Trabada, segue por terras galegas ata unha central hidroeléctrica, onde regresa a San Tirso, neste último tramo hai un punto perigoso ao ter que cruzar a estrada N-634 , pouco máis adiante un último túnel, o máis longo que posiblemente teña luz eléctrica, desemboca en San Tirso. Mentres alguén vai a recoller os coches, pódese ver O Pacio, pazo dos Condes de Altamira, edificio do s XVI rematado por dúas torres de tres alturas, e o Pazo de Amaído que ten asociada unha igrexa que nun furado da parede deixa ver un suposto “miliario” relacionado con cultos precristiáns.

                                                                                        Teresa Díaz Estévez

    

Da Barranca ao Comado


Visualizar o mapa ampliado

Concello: Barreiros                25-a-barranca.JPG

Lugar: San Miguel de Reinante 

Distancia: 11 km

Sinopse: Paseo circular, que partindo da Barranca, barrio de San Miguel de Reinante sube por Remourelle ao monte Comado, rodéao e volve á Barranca .

Como chegar: Entrando no Concello de Barreiros pola N-634 desde Ribadeo, hai que pasar a praza e a ponte de San Miguel de Reinante, para entrar por a primeira  estrada á esquerda, pásase a igrexa, o cemiterio e as casas da Barranca antes de chegar á estrada do monte, paralela á xeral.Neste cruzamento quedan os coches.

Percorrido: O paseo comeza cara ao sur, co río á esquerda, pásase xunto a unhas casas, máis adiante, aos 500m, hai unha estación depuradora, nada mais pasala aparece un camiño á esquerda. Neste punto hai dúas posibilidades:

1ª Seguir de fronte, pola pista (3´5 km). Ten unha pendente forte, suavizada cun trazado en zig-zag , que pasa despois a ser unha costa suave con firme de terra, entre piñeiros ou eucaliptos, non ten mais que unha bifurcación, a pista da dereita vai á canteira e a de fronte é a que se debe seguir para saír aos prados de Remourelle e da Ínsua. Unha vez neles unha pista tamén de terra, á esquerda, vai á estrada xeral a altura do ultramarinos  de Remourelle.

2º Se pasada a estación depuradora se vai polo camiño da esquerda (3 km), o antes utilizado para ir de San Miguel a Remourelle, resulta unha senda limpa, con herba,  musgos e folgueiras, sempre á beira do rego, escoitando a auga, ata chegar á presa. Desde aquí non hai camiño, pero si carreiros que ao ir subindo se van abrindo, ata volver a ser camiño xunto a  pequena fraga que hai cerca do nacemento do rego; para máis adiante dar nunha pista, ancha, na que indo cara á esquerda se sobe cara ao barrio da Madanela para saír á mesma pista de terra, sobre os prados de Remourelle e da Insua que na primeira  opción.

Na estrada, cara a dereita, sóbese uns metros ata verse o indicador de Rego de Mel, éntrase nel, e nos seguintes cruzamentos que se atopen, cóllese sempre cara arriba para chegar ao Comado (509m). Mentres se sube hai que pararse a mirar e situar o lugares próximos: Mondigo (60 metros máis alto que Comado), no val Cedofeita, os montes de Árante convertidos en praderías e o val que vimos de percorrer. Mais atrás, solitario, vese o pico da Frouxeira, de granito; e ao fondo as serras, a da Carba, o Xistral co pico Cadramón (1056m), a Toxiza  e a Serra da Cadeira, que son as que separan a Mariña costeira da meseta interior.

Pouco a pouco, son 2´5 km desde o bar, chégase ao pico, rodéase, sempre polo mesmo camiño e unha explanada de pedra facilita a localización do lugar dende o que saltaban cos parapentes.   

Agora a panorámica vai de cabo Burela a cabo Busto; apréciase en particular o espacio comprendido entre as bocas dos ríos Éo e Masma: Vilaselán, Piñeira, Vilaframil, Rinlo, A Devesa, Reinante, Barreiros e Benquerencia.

A pista continúa en leve descenso, hai que deixala para baixar por un camiño á dereita, tamén limpo, co firme de terra, que aparecerá ao tempo que se empece a ver a praia de Reinante.

Cando o camiño se confunda con unha pista ancha, horizontal que vai cara ao leste, haberá que prestar atención para seguir polo camiño que se traía, que sae á esquerda da pista para baixar cara a San Miguel. Unha vez na estrada que ven de Remourelle baixase por ela átaa o primeiro cruce, no que collendo á esquerda logo se chega ao punto de partida.                                                                             Teresa Díaz Estévez

Costa de Foz


Visualizar o mapa ampliado

Concello: Foz                                       33-foz.JPG

Parroquias: Cangas, Nois, Fazouro, San Martiño e Foz

Distancia: 16 km

Transporte : FEVE, consulta de horarios

Percorrido: O paseo comeza no apeadoiro de Cangas para ir cara ao mar, caendo á esquerda ata o campo de fútbol. Na costa, comeza o paseo marítimo en construcción cara ao leste,  pasa xunto a igrexa, vai por detrás de casa Selmira, e chega a desembocadura do Río Alemparte, que se salvará por unha ponte de madeira.

Na outra beira un camiño de terra entra ao son do río, rodea a depuradora e sube a unha zona residencial. Neste tramo, indo sempre á esquerda, hai unha pista asfaltada ata a praia de Xuncos, que en baixa mar se atravesa, saíndo no outro extremo por un acceso para esta praia e para a de Polas.

A continuación por asfalto, ao longo dun tramo, libre de edificacións, pero lixado, chégase ao antigo porto baleeiro de Nois  interesante e descoñecida a súa zona portuaria. Ten  grandes casas amuralladas, algún  pombal, vestixios das factorías de salgado e un rego sucio que baixa entre as casas,  sáltase por os penedos onde se xunta co mar, e hai que subir á gran mole de formigón: o porto, de curioso deseño. Unha pista de terra ata a praia de Area Longa, paralela á estrada,  que remata no Castro de Fazouro. Unha vez visitado, séguese por asfalto ata chegar cerca da desembocadura do Río Ouro, éntrase por el para cruzalo por unha ponte de ferro e saír baixo a estrada e o tren na Praia da Pampillosa,.

A continuación, por unha pista de terra sóbese ata unha ponte do tren, e nela vaise á esquerda cara ao mar. para rematar Fazouro, e empezar un paseo marítimo ata a praia de Llas. Neste punto se o tempo ou as forzas escasean,  pódese atravesar ao apeadoiro de Marzán. De continuar vaise á Praia da Rapadoira para entrar pola ría ata o porto, que se atravesa para subir cerca da estación de Foz, onde haberá que estar antes das 17:55.   

                                                                                                       Teresa Díaz Estévez

A fraga de Vilapena

Concello: Trabada

Parroquia: Vilapena.

Distancia: 10 km

Sinopse: Paseo perfectamente sinalado, que ademais dos paneis informativos destaca lugares da fraga onde houbo labores como as dos carboeiros. O tempo estimado do paseo e de catro horas. Hai unha variante de 6km con 200m de desnivel, a realizar en dúas horas e cuarto.

Percorrido:  Para chegar ao punto de partida  hai que ir a Vilapena no concello de Trabada. Á entrada deste lugar, indo desde Trabada, está o panel que describe a senda. Visita a aldea antes de internarse no bosque camiñando en dirección leste e sen desniveis ata iniciar a subida ao Alto de Pena Gorda onde se ven os vales de Vilaformán e Vilapena. Regrésase cara ao oeste por unha pista forestal  ata un novo panel e unha árbore de indicadores, desde onde se baixa, por un carreiro, xunto ao Rego de Vilaformán ata atravesalo e rematar o paseo no punto de partida.

           

                                                                                                                     Teresa Díaz Estévez       

A Fraga de Teixido

teixido.jpg

Concello: Trabada                                                                                             

Distancia:12 km

Como chegar: Arranca este paseo circular do lugar sinalado como punto de partida para a ruta da Fraga da Becerreira, nun desvío á esquerda da estrada provincial nº 55; aproximadamente a 2,7 km de Trabada en dirección a Riotorto.

Ao deixar os coches vólvese a estrada xeral para atravesala e ir subindo por un camiño de pendente suave, seguindo as indicacións, non sempre fáciles de atopar. Despois de pasar a Fraga de Santo Estevo e a de Teixido déixase a pista para subir á esquerda, entre pinos, quedando o val de Lourenzá á dereita, este camiño continúa ata a estrada xeral que de novo se atravesa. Hai agora a opción de dirixirse cara a un tendido eléctrico para subir ao Picato, unha das maiores alturas da Serra da Cadeira. Ao oeste, o Val de Lourenzá saíndo ao Cantábrico polo Río Masma. Pechando o Val vese a Serra Toxiza, a Frouxeira e Cornería e por detrás a Serra do Cadramón. Ao norte aparece a Mariña Lucense e unha gran parte da costa  occidental Asturiana. Ao leste vense os pobos que foron medrando ao longo do Río Éo e atrás deles a Serra da Bobia en primeiro termo. Ao sur e en todo o entorno o que se ve é o propio concello de Trabada que nesta parte está poboada de fragas, temos á vista a de Vilapena, a da Becerreira e a de Teixido.

Báixase por un carreiro cara ao leste ata pasar regresar ao tendido de alta onde se sigue en dirección oeste pasando por un refuxio ata unha encrucillada , e báixase en dirección á Fraga da Becerreira, entrando nela para buscar e seguir as marcas que neste tramo son para ambas rutas, así se baixa ao río desde onde xa se ve o punto de partida.

                                                                                              Teresa Díaz Estévez

Río Ouro


Visualizar o mapa ampliado

ouro-1.JPGouro-3.JPGouro-2.JPGouro-4.JPGouro-muinos.JPGpetroglifo-2.JPGpetroglifo-1.JPGouro-5.JPGouro-7.JPGouro-9.JPGouro-8.JPG

Concello: Foz                                  36-rio-ouro.jpg

Parroquia:Fazouro                

Distancia:11 km                               

Desnivel: Inapreciable

Transporte: FEVE (consultar horarios)

Percorrido: Comézase a camiñar no apeadoiro de Fazouro para ir cara ao mar, caendo á esquerda a visitar uns restos arqueolóxicos. Trátase dun castro litoral romanizado. As bases das vivendas son rectangulares, a diferencia das de castros anteriores que eran circulares; a estructura do conxunto é pentagonal, ocupando 7000 m2.    Séguese a liña de costa ata chegar a desembocadura do Río Ouro, fronte a praia da Pampillosa. Pásase baixo as pontes do tren e da estrada e xunto a ponte de ferro que era parte da N634. Vaise á beira do río por un tramo asfaltado, pásase a igrexa, o cemiterio de Fazouro e o río por unha ponte de pedra. A poucos metros hai unha pista de terra á dereita onde se ve o primeiro dos indicadores da senda que ao longo de cinco quilómetros vai por paraxes cada vez mais agrestes.

Parece que se viaxa no tempo,  pasando do canal de fibrocemento a unha canalización feita na rocha e do bosque seco de eucalipto a lugares húmidos, con árbores propios e antigos. Tamén lembra outra época o pazo dos Condes de Fontao, relacionado coa concesión do condado de Foz, en tempos de Isabel II.  

O final da senda un salto de auga represada desde o que se volverá ao apeadoiro de Fazouro, onde haberá que estar antes das 17:50.  

               Teresa Díaz Estévez

PR 83 Ruta do vento

Concello: Trabada                    31-ruta-do-vento-trabada.JPG

Parroquia:

Distancia: 11 km

Desnivel: 330 m

Como chegar: Unha vez en Trabada  hai que ir en dirección a Riotorto pouco mais de sete quilómetros, chegando a un área recreativa onde comeza  e remata o paseo.

Percorrido: Séguese a estrada en dirección a Riotorto, 300 metros, para entrar por unha pista á esquerda que sobe moi suavemente entre piñeiros silvestres e pastos nos que se ven as greas de cabalos que viven no monte.  Pasado  o Chao Grande, está o alto de Cerrochán, con boas vistas de algúns dos vales do Concello de Trabada. En dirección surlés, a lousa presente na pista indica a proximidade dunha canteira que ten o seu panel explicativo. Comeza a baixada de novo entre piñeiros silvestres, ata chegar a unha pista na que se colle á esquerda, por un bosque de piñeiros diferentes aos anteriores. Logo de  900 metros atravesa un cortalumes, polo que se baixa ate un camiño que cara á esquerda entra na fraga de Cabanela, cun novo cambio na vexetación, na que tal vez se vexan as cores do outono.   Antes de saír da fraga hai a opción de subir ao alto da Pena Gorda e contemplar agora os vales de Vilaformán e Vilapena. De volta á ruta do vento, media hora despois, sóbese a unha pista que bordea a fraga de Vilapena. Logo de 1´6 km, pasado un depósito de auga., sóbese cara a esquerda e tras unhas curvas pechadas o camiño volve a ser chan até saír a estrada comarcal que vai a Vilapena. De novo á esquerda xa está á vista o punto de partida.  

Teresa Díaz Estévez

PR: 81 Fraga da Becerreira

Concello: Trabada                      21-becerreira.jpg

Parroquia: 

Distancia: 5 km, que parecen mais

Percorrido: Para chegar ao punto de partida  hai que ir a Trabada e desde alí seguir 2´7km en dirección a Riotorto. Nese punto aparece na estrada un desvío á esquerda sen ningún tipo de indicador, trátase dun tramo da antiga estrada Trabada – Riotorto; entrando por el, a uns cen metros, xa se ve o panel có gráfico e os datos do paseo.

            Comeza nunha senda que baixa ata o río de Vilapercide, onde pasa a ser un carreiro que xunto co río vai ganando altura. Esta subida, suave e continuada, logo leva unha hora por ir parando para ver os sinais da fauna e os diferentes tipos musgos e fentos. As árbores son as propias de ribeira, destacando as abeleiras. Neste tramo todo é verde, mesmo a luz.

            Unha vez arriba o carreiro discorre horizontalmente  ao longo da fraga que está organizada en tres alturas: os arandos no chan, a dous metros un teito de acivros, e sobre eles os carballos. Cada capa coa súa cor, segundo a estación.. O paseo complétase baixando ao río e seguíndoo agora augas abaixo ata o refuxio, onde se inicia a senda que volve ao punto de partida.

           

            Teresa Díaz Estévez        

Santo Estevo do Ermo

Concello: Barreiros                         14-sto-estebo-jpg.jpg

Parroquia: San Cosme

Distancia: 11 km

Transporte: FEVE

Percorrido: Sairemos de Ribadeo no tren, as 11:10, con destino a San Cosme de Barreiros. Poucos metros ó leste da estación pasa a estrada de Remior, pola que iremos cara ao sur ata a estrada N-634. Cruzando a estrada, un camiño con herba segue na dirección que traíamos. Pasa xunto a uns montículos de caolín e remata na estrada que vai a Trabada. Atravesamos  e pouco máis adiante unha pista de terra continúa, ascendendo, en dirección sur. Na primeira bifurcación, polo camiño da dereita, subimos ata a estrada do monte, asfaltada, e collendo á dereita logo volvemos a atopar a estrada de Trabada. Subimos algúns metros e xa vemos o letreiro que indica a pista a seguir.          Camiñando 2´5km chegamos á Capela do Santo Estevo do Ermo; visitamos o seu entorno: A fonte ferruxinosa, o salto de auga con ou sen auga, máis arriba da cascada está a fonte de Santa Rosa, fácil de ver gracias aos panos amarrados ás árbores próximas , e seguindo o curso do río vaise ata as ruínas dun muíño.

         De volta na Capela, comeremos e continuaremos o paseo á beira do Rego  do Santo Estevo, atravesaremos a estrada do monte para seguir polo barrio de Eiras, sempre por camiño de terra pasamos xunto a depuradora e continuamos ata chegar á estrada que baixa á igrexa de San Cosme. Atravesando a xeral baixamos ata chegar á vía do tren, onde por un carreiro á dereita volvemos á estación de San Cosme, para coller o tren que chega ás 18:18 a  Ribadeo.

Teresa Díaz Estévez