Río Suarón: de Meredo a Molexón


Visualizar o mapa ampliado

Igrexa de MeredoPazo blasonado de MeredoCarballosArriba, MolexónIgrexa de MolexónXunto á igrexaMuinho        

Concello: Vegadeo  

Parroquia: Meredo

Lugar: Molexón

Distancia: 9 km

Como chegar: En Vegadeo hai que entrar cara a Piantón para seguir en dirección a Meredo

Percorrido: O punto de partida e regreso  é o a igrexa de Meredo, desde onde se baixará pola estrada ata a Ferrería de Meredo, nada mais pasar o río hai unha pista á esquerda, con un indicador no que se le Nafarea. É estreita e está asfaltada pero a presenza de herbas nos indica o seu escaso tránsito. Vaise por ela ao son do río ata chegar a outra tamén asfaltada e mais ancha, neste punto indo á esquerda, logo se chega a El Penedón e seguindo a dirección marcada polo Suarón crúzase sobre el no lugar chamada O Mazo Novo, desde onde se sube en dirección á Serra da Bobia par ano primeiro cruzamento coller á dereita e visitar Molexón. Visto o lugar, vólvese sobre os propios pasos, unha estrada antiga en dirección a Meredo, que logo coincide coa nova, pasada a primeira curva desta estrada nova, entra un camiño, de dous metros de ancho, enmarcado por toxos que suave descenso vai baixando coa auga, para saír á estrada a 500m da. Ferrería de Meredo.

                                                                                              Teresa Díaz Estévez

meandros.JPG

Concello: Ribadeo               10-rios-g-e-p.jpg preme no mapa para amplialo

Parroquia: Covelas

Distancia: 10 km

Aviso: Os camiños poden estar pechados por a maleza

Como chegar: Na estrada á Veiga, déixase o coche en Reme de Abaixo. Nada mais pasar a ponte sobre o Río Grande, subindo un muro, éntrase na Fraga de Reigosa.

Percorrido: Atravésase a Fraga de Reigosa, ao son do río para saír na Ponte da Acea. Pásase o río e sóbese cara a Reme de Arriba,  ata atopar un  camiño á esquerda que  volve ao río, xunto a un dos moitos muíños que se ven, e o atravesa esta vez por unha ponte de cemento. O camiño sempre cerca do río continúa a Pena Tallada, tamén coa súa ponte, esta de pedra, e o seus muíños.

Deixando o Río Grande á esquerda, cada vez máis lonxe vaise á escola de As Anzas onde un desvío á dereita vai, atravesando a estrada Reme-Vilamar, ata o Río Pequeno no lugar de O Carboeiro. Onde se comenzan a ver as casas, aparece un camiño á dereita que irá á beira do río ata a súa desembocadura, en Reme de Abaixo

                                                                         Teresa Díaz Estévez

Pousadoiro

Concello: Castropol                 23-pousadoiro.JPG

Lugar: Campo del Chao. O Grilo

Distancia: 11,2 km

Como chegar: Para chegar: Saíndo de Ribadeo en dirección a Asturias, no cruce de Barres vaise cara A Veiga, pásase Castropol, e o cartel que indica San Juan de Moldes, para a 700 metros  entrar por un desvío a esquerda,  ata o indicador de “casa Paquita” que se segue en dúas ocasións a primeira á dereita e a segunda á esquerda. Aparece xa a indicación de Presno, que volve a aparecer no seguinte cruce e comeza a ascensión que culmina ao chegar á estrada Bourio (Tol) - Presno, nese lugar, o Campo do Chao, comeza o paseo.

Sinopse: O camiño é de fácil andar, sempre por pistas de terra, anchas e practicamente horizontais o que permite ir contemplando as diferentes panorámicas do interior e da costa, neste paseo circular.

Percorrido: Tras unha cancela, que debe permanecer pechada, unha pista de terra, ancha e fácil de andar sube levemente, deixando á esquerda un camiño con herba, menos transitado. No punto máis alto crúzase un cortalumes  e pásase a ter unha amplía panorámica do sur dos concellos de Castropol e da Veiga. Ao levar aproximadamente  media hora de camiño, a pista bifúrcase, pola esquerda sóbese  ao pico do Pousadoiro, pola dereita continúa o paseo ate a seguinte bifurcación, que realmente é un cruce de camiños, nesta cóllese á esquerda subindo unha costa moi  suave que logo chega a unha cancela que impide aos cabalos, presentes en todo o paseo, entrar a uns prados que son de Balmonte. Non se pasa esta cancela, outra pista irá levando cara ao norte, entre prados nos que é fácil ver os corzos, e despois por un bosque, encima do Val de San Agustín. A medida que se rodea o Pousadoiro víase vendo Salave, Porcía, La Caridad …

            A presencia dunha antena marca o lugar para o novo cambio de dirección, cara ao oeste, e nova panorámica, agora vese  ao lonxe Barres, Ribadeo, Foz e Burela, e os lugares máis próximos de O Grilo, Tomentosa, Jonte e Culmieiros.

            Aos dez quilómetros de iniciar o paseo unha nova bifurcación ofrece á dereita saír a estrada, á esquerda continuar o paseo por un camiño ancho, con herba que despois de un quilómetro sae á subida inicial. Teresa Díaz Estévez      


Visualizar o mapa ampliado

Concello: Ribadeo                    24-pineira-ove.jpg                    

Parroquias: Piñeira e Ove.

Distancia: 11 km

Sinopse: O camiño alterna pistas da concentración parcelaria con carreiros polo monte, e no remate ten 300m pola estrada. A primeira etapa é cara ao leste, paralela ao mar, a segunda atravesando polo monte e a terceira cara ao norte, paralela á ría.

Percorrido: Sáese de Ribadeo polo Xardín, pista, que foi camiño real, en dirección a Piñeira. A altura de Dompiñor hai unha estrada, asfaltada, na que se colle a esquerda, atravésase a N-634, e por unha pista de terra continúase cara ao sur para saír a estrada de Folgosa antes da curva pechada  desde a que se ven as casas.

Xusto na curva entra un carreiro, ía a Fraga da Arca, entrando por el vaise indo ata os camiños bordeados de acacias de Santa Cruz. Atravésase por detrás do pico deste monte e sáese xunto ao que foi a fábrica de parqué. Agora hai que atravesar a estrada para ir ao Valín. Pasada a fonte éntrase pola primeira pista á esquerda que logo xira en ángulo recto, nese punto báixase, atallando, por un camiño do monte ata volver á pista xunto a un depósito de auga. Vaise á esquerda e poucos metros máis abaixo, antes de pasar o rego, entra un carreiro á dereita que irá pola beiriña da auga ata a pista que sobe á Graña, pódese subir por ela, sen desviarse, e comer contemplando a panorámica sobre a ría..

            Algo máis abaixo que o lugar onde se sae aos prados, baixa un camiño estreito, xunto ao rego, que dará nunha pista na que se colle á esquerda, séguese por ela ata ver un camiño que baixa en liña recta, (con algunha acacia polo medio) e pasando baixo a vía do tren, sae nas aceas.

Hai que saír á estrada, e con precaución vir cara a Ribadeo ata o primeiro camiño á dereita que baixa ao antigo muíño de mareas, Nas Aceas ándase un tramo polas pedras e despois polo prado e o bosque desa enseada, onde un carreiro se vai abrindo ata ser un camiño que ven a saír á estrada a 200 metros da Vilavella. Éntrase na Vilavella, e ao saír das casas atravésase de novo a estrada e por debaixo do cemiterio vense Á Pega, a Faxarda e a Ribadeo.

                                                                       Teresa Díaz Estévez      

Da Barranca ao Comado


Visualizar o mapa ampliado

Concello: Barreiros                25-a-barranca.JPG

Lugar: San Miguel de Reinante 

Distancia: 11 km

Sinopse: Paseo circular, que partindo da Barranca, barrio de San Miguel de Reinante sube por Remourelle ao monte Comado, rodéao e volve á Barranca .

Como chegar: Entrando no Concello de Barreiros pola N-634 desde Ribadeo, hai que pasar a praza e a ponte de San Miguel de Reinante, para entrar por a primeira  estrada á esquerda, pásase a igrexa, o cemiterio e as casas da Barranca antes de chegar á estrada do monte, paralela á xeral.Neste cruzamento quedan os coches.

Percorrido: O paseo comeza cara ao sur, co río á esquerda, pásase xunto a unhas casas, máis adiante, aos 500m, hai unha estación depuradora, nada mais pasala aparece un camiño á esquerda. Neste punto hai dúas posibilidades:

1ª Seguir de fronte, pola pista (3´5 km). Ten unha pendente forte, suavizada cun trazado en zig-zag , que pasa despois a ser unha costa suave con firme de terra, entre piñeiros ou eucaliptos, non ten mais que unha bifurcación, a pista da dereita vai á canteira e a de fronte é a que se debe seguir para saír aos prados de Remourelle e da Ínsua. Unha vez neles unha pista tamén de terra, á esquerda, vai á estrada xeral a altura do ultramarinos  de Remourelle.

2º Se pasada a estación depuradora se vai polo camiño da esquerda (3 km), o antes utilizado para ir de San Miguel a Remourelle, resulta unha senda limpa, con herba,  musgos e folgueiras, sempre á beira do rego, escoitando a auga, ata chegar á presa. Desde aquí non hai camiño, pero si carreiros que ao ir subindo se van abrindo, ata volver a ser camiño xunto a  pequena fraga que hai cerca do nacemento do rego; para máis adiante dar nunha pista, ancha, na que indo cara á esquerda se sobe cara ao barrio da Madanela para saír á mesma pista de terra, sobre os prados de Remourelle e da Insua que na primeira  opción.

Na estrada, cara a dereita, sóbese uns metros ata verse o indicador de Rego de Mel, éntrase nel, e nos seguintes cruzamentos que se atopen, cóllese sempre cara arriba para chegar ao Comado (509m). Mentres se sube hai que pararse a mirar e situar o lugares próximos: Mondigo (60 metros máis alto que Comado), no val Cedofeita, os montes de Árante convertidos en praderías e o val que vimos de percorrer. Mais atrás, solitario, vese o pico da Frouxeira, de granito; e ao fondo as serras, a da Carba, o Xistral co pico Cadramón (1056m), a Toxiza  e a Serra da Cadeira, que son as que separan a Mariña costeira da meseta interior.

Pouco a pouco, son 2´5 km desde o bar, chégase ao pico, rodéase, sempre polo mesmo camiño e unha explanada de pedra facilita a localización do lugar dende o que saltaban cos parapentes.   

Agora a panorámica vai de cabo Burela a cabo Busto; apréciase en particular o espacio comprendido entre as bocas dos ríos Éo e Masma: Vilaselán, Piñeira, Vilaframil, Rinlo, A Devesa, Reinante, Barreiros e Benquerencia.

A pista continúa en leve descenso, hai que deixala para baixar por un camiño á dereita, tamén limpo, co firme de terra, que aparecerá ao tempo que se empece a ver a praia de Reinante.

Cando o camiño se confunda con unha pista ancha, horizontal que vai cara ao leste, haberá que prestar atención para seguir polo camiño que se traía, que sae á esquerda da pista para baixar cara a San Miguel. Unha vez na estrada que ven de Remourelle baixase por ela átaa o primeiro cruce, no que collendo á esquerda logo se chega ao punto de partida.                                                                             Teresa Díaz Estévez

Tol dos cabaleiros


Visualizar o mapa ampliado

30-tol.jpg   

Concello: Castropol

Lugar: Tol

Distancia: 10 km

Sinopse: É circular, cun desnivel de 250m e excepto 1´2km que son por unha estrada asfaltada, de pouco tráfico o resto camíñase por pistas de terra percorrendo os montes de Tol dos Cabaleiros.

Como chegar: Sáese de Ribadeo cara Asturias pola ponte, ata o cruce de Barres onde se vai cara a Castropol. Antes do campo de fútbol xa se entra á esquerda ata chegar á igrexa de Tol. Hai unha pista asfaltada, a dereita, que pasa sobre o tren, e outra vez á dereita, vai cerca do cemiterio ata a área de lecer “O castañeirón”, no lugar de Forxa en Tol (Castropol). Aquí comeza e remata o paseo.

Percorrido: Unha pista sube en liña recta ás casas da Pumarega, onde se combina a gandería co turismo. Séguese cara ao mar ata unha pista que á dereita, entra no monte, e xa sorprende a vista panorámica da rasa costeira. Déixase unha subida bastante pendente á dereita, para a continuación desembocar noutra pista onde se colle á esquerda para baixar ao lugar de Boudois, pasadas as casas chégase a o Rego Boudois de Anguilera, e a súa beira, sempre a sombra, vaise subindo aos montes de Tol ata chegar a outra pista, na que á esquerda iríase ao lugar de Vista Alegre, e á dereita xa se ve a cheminea do forno, igual aos da Pontenova, no que se trataba o mineral de ferro, das minas próximas, para alixeiralo de peso. Nesta construcción que non parece ter chegado a utilizarse aprécianse elementos, raros de ver, como son a ponte superior para cargar o forno ou as parrillas, sobre as que se depositaba o mineral, no seu interior.

Seguindo por a pista na que está o forno déixase un desvío á dereita para chegar a un cruce no que se irá costa arriba polo bosque ata un prado no que indo cara á dereita logo se sae ao asfalto. Continuando en dirección oeste, con Cabo Burela ao fondo, pásase por a Brañuela, xunto aos xatiños dunha gandería importante, déixanse desvíos que baixan á dereita, e outros que soben á esquerda, ata chegar á Pena de Cabras nun punto no que a estrada parece pasar a ser un camiño estreito, pero dando unha curva moi pechada segue o asfalto, que baixará ao punto de partida. Non é preciso seguir a estrada porque pasadas dúas casas, entra un camiño á esquerda que baixa ao río de Tol, e a súa beira vaise indo ata “O Castañeirón”

Teresa Díaz Estévez

Da Caridad á Roda


Visualizar o mapa ampliado

Concellos: O Franco - Tapia                              29-caridad-roda.JPG

Lugares: A Caridad, Viavelez, Valdepares, A Roda

Distancia: 13 km

Transporte: FEVE

Percorrido: Comezando na  Caridad, na estación de FEVE, hai que pasar unha ponte baixo a estrada xeral e cara ao mar, atravesar polo centro do pobo, onde se podería visitar o museo da Forxa. Sempre ao norte, seguindo as indicacións de Viavélez, pásase xunto ao pazo de Jardón, construído en 1910 segundo o modelo indiano, para chegar as casas mais altas sobre o mar, polas rúelas e calellas vaise indo ata o estremo do peirao onde está indicado comezo da senda costeira.
O segundo traxecto de este paseo consiste en seguir a senda costeira ao longo de 6 km no tramo Viavélez – Porcía. Está ben marcada, pero en dúas ocasións é mellor deixar os sinais e entrar á dereita, recoñécense os camiños por estar moi pisados. Así se pasa sobre o río Mernes, e a praia de Monellos, se baixa  xunto a un muíño en Torbas para continuar entre toxos e xestas ata o Cabo Branco, onde contrasta a cor branca das rochas con os grises das pizarras dos foxos dun castro que alí houbo. A vista mais interesante do conxunto do cabo tense uns metros mais adiante, dende Campo redondo. Cara a terra en Valdepares vense a torre e almenas do pazo de Fonfría, do século XVI. Remata esta etapa na praia de Porcía, onde unha barra areosa pecha o esteiro no que desemboca o río Porcía, é unha praia de 240 metros, na baixamar,  e un grupo de illas, Grande Pequena e Gavioteiro, que protexen a enseada que nalgún tempo serviu de refuxio a grandes barcos. Vense tamén os restos do cargadeiro de mineral de ferro, magnetitas de Porcía que as vagonetas arrimaban ata o estremo da illa mais afastada para librar aos cargueiros do perigo dos penedos desta praia.A derradeira etapa consiste en subir xunto ao río Porcía, aproximándose á Roda. En principio séguense as indicacións da senda costeira, que pola estrada vella vai á ponte, sen atravesala,á dereita vese un muíño e a esquerda o cartel da ermida, esa é a dirección a seguir, despois de pasar a alameda do Porcía, crúzase o río na cabeceira dunha presa e por unha estrada secundaria chégase a Rabote desde onde se pode continuar polos camiños á beira do río ata o final dunha terra de labor, grande, triangular, na que arranca unha pista que sube a Vilargomil, na estrada Porcía – A Roda e camiñando uns metros á esquerda éntrase por unha pista á dereita, xunto á conducción de gas, que rodea unha caseta das augas para seguir por camiños, sempre cara ao oeste ata o restaurante O Pinalín onde haberá que saír á estrada uns 300 metros para chegar, antes das 17:50 á estación do tren da Roda, punto final deste percorrido
                                                                                   Teresa Díaz Estévez

De Abres á Veiga

Concello: A Veiga                     34-eo.JPG

Parrroquias: Abres, Outeiro, Vegadeo

Distancia:14 km

Sinopse: Paseo á beira do Río Eo, dende a Ponte de Porto a Abres. É un paseo de ida e volta , camiñando ao nivel da auga.

Percorrido: Pasada a Ponte de Porto, e a casa de arbitrios, en Vegadeo sube unha pista de cemento despois carreiro e por fin camiño que pasados uns prados, chega a un bosque onde se cruzan catro camiños, vaise uns metros á esquerda para xa baixar á xunqueira. O camiño remata ao chegar á pista dunha senda marcada, que se seguirá baixando cara ao río. Trátase dun camiño feito con firme de táboas nalgúns tramos, para facilitar o paso por esa zona. Ten paneis con información da flora, da fauna e do tipo de humedais. A senda sube a Louteiro, núcleo rural con elementos arquitectónicos interesantes. No centro do lugar, coa capela ao fondo da pista que hai á esquerda, hai que ir cara á dereita por outra senda tamén marcada, atravésase un bosque de eucaliptos baixando lentamente ao nivel dos prados feitos na xunqueira

Aos 2 km da Ponte, está Louteiro cara a onde hai que aproximarse para enlazar coa Ruta do extraperlo, 4 km dun camiño que polos prados da ribeira vai ata a chaira de Abres. Para visitar o centro urbano hai que camiñar outro quilómetro por unha pista ancha de terra, separada do río por uns prados e terras ben aproveitadas para o cultivo. O regreso ideal sería pasar a ponte en Pedrido (a primeira que se atopa dende o punto de partida) e seguir a vía do tren de Vilaodrid ata Porto, pero haberá que esperar algúns anos, nesta ocasión a volta será sobre os propios pasos.

Teresa Díaz Estévez 

Costa de Foz


Visualizar o mapa ampliado

Concello: Foz                                       33-foz.JPG

Parroquias: Cangas, Nois, Fazouro, San Martiño e Foz

Distancia: 16 km

Transporte : FEVE, consulta de horarios

Percorrido: O paseo comeza no apeadoiro de Cangas para ir cara ao mar, caendo á esquerda ata o campo de fútbol. Na costa, comeza o paseo marítimo en construcción cara ao leste,  pasa xunto a igrexa, vai por detrás de casa Selmira, e chega a desembocadura do Río Alemparte, que se salvará por unha ponte de madeira.

Na outra beira un camiño de terra entra ao son do río, rodea a depuradora e sube a unha zona residencial. Neste tramo, indo sempre á esquerda, hai unha pista asfaltada ata a praia de Xuncos, que en baixa mar se atravesa, saíndo no outro extremo por un acceso para esta praia e para a de Polas.

A continuación por asfalto, ao longo dun tramo, libre de edificacións, pero lixado, chégase ao antigo porto baleeiro de Nois  interesante e descoñecida a súa zona portuaria. Ten  grandes casas amuralladas, algún  pombal, vestixios das factorías de salgado e un rego sucio que baixa entre as casas,  sáltase por os penedos onde se xunta co mar, e hai que subir á gran mole de formigón: o porto, de curioso deseño. Unha pista de terra ata a praia de Area Longa, paralela á estrada,  que remata no Castro de Fazouro. Unha vez visitado, séguese por asfalto ata chegar cerca da desembocadura do Río Ouro, éntrase por el para cruzalo por unha ponte de ferro e saír baixo a estrada e o tren na Praia da Pampillosa,.

A continuación, por unha pista de terra sóbese ata unha ponte do tren, e nela vaise á esquerda cara ao mar. para rematar Fazouro, e empezar un paseo marítimo ata a praia de Llas. Neste punto se o tempo ou as forzas escasean,  pódese atravesar ao apeadoiro de Marzán. De continuar vaise á Praia da Rapadoira para entrar pola ría ata o porto, que se atravesa para subir cerca da estación de Foz, onde haberá que estar antes das 17:55.   

                                                                                                       Teresa Díaz Estévez

A fraga de Vilapena

Concello: Trabada

Parroquia: Vilapena.

Distancia: 10 km

Sinopse: Paseo perfectamente sinalado, que ademais dos paneis informativos destaca lugares da fraga onde houbo labores como as dos carboeiros. O tempo estimado do paseo e de catro horas. Hai unha variante de 6km con 200m de desnivel, a realizar en dúas horas e cuarto.

Percorrido:  Para chegar ao punto de partida  hai que ir a Vilapena no concello de Trabada. Á entrada deste lugar, indo desde Trabada, está o panel que describe a senda. Visita a aldea antes de internarse no bosque camiñando en dirección leste e sen desniveis ata iniciar a subida ao Alto de Pena Gorda onde se ven os vales de Vilaformán e Vilapena. Regrésase cara ao oeste por unha pista forestal  ata un novo panel e unha árbore de indicadores, desde onde se baixa, por un carreiro, xunto ao Rego de Vilaformán ata atravesalo e rematar o paseo no punto de partida.

           

                                                                                                                     Teresa Díaz Estévez