Río Masma. Costa de Barreiros

Concello: Barreiros                                       28-costa-barreiros.jpg

Parroquia: San Cosme

Distancia: 16 km

Transporte: FEVE

Percorrido: Viaxando na FEVE, dirección Oviedo – Ferrol, chégase á estación de Barreiros ás 11:30, que será o punto de partida deste paseo. Ao cruzar a vía, vaise á esquerda por un camiño bastante ancho, de terra entre prados e eucaliptais ata chegar á estrada que vai as praias, hai que ir un metros á dereita para atravesala e entrar por unha pista, que logo se bifurca. Collerase á esquerda para ir á que foi igrexa parroquial de San Cosme de Barreiros.

Continúase en dirección oeste ata chegar á estrada que viña polo outro lado do socavón da mina. Nese punto vaise á esquerda, por unha pista de terra, entre árbores, sempre ao son da vía, ata a lagoa de Pallares.

Visitada a lagoa, vaise á beira da ría e ao coincidir coa baixamar, camíñase por ela ata saír ao mar na punta da Anguieira.

Unha vez na  boca da ría pásase a praia de Altar.para continuar en dirección leste por a area todo o tempo que a marea o permita. A alternativa son os paseos marítimos e o carreiro de serventía que hai na costa.

Camíñase por a praia de San Bartolo, onde din que se atopa algún bítere, seguen as praias de Remior Coto, Valea, Fontela,  Lóngara e a praia das Pasadas onde se sube á Punta do Castro para baixar á Praia de Arealonga e seguir á de Reinante, desde onde se volvera cara ao apeadoiro de San Miguel de Reinante, para coller o tren arredor das 6 da tarde.

                                                                                                                       Teresa Díaz Estévez

PR 84 Subida ao Picato.

Concello: Trabada.                    42-picato.jpg

Distancia: 8 quilómetros 

Sinopse: É unha das cinco rutas perfectamente sinaladas que ten o concello de Trabada, das que tamén dispón de folletos informativos.

Percorrido: Arranca este paseo da area de lecer do Chao do Couso, na estrada provincial nº 55; aproximadamente a 8 km deTrabada en dirección a Riotorto. Unha subida inicial de 123 m de desnivel a salvar en 2 km leva ao Picato, unha das maiores alturas da Serra da Cadeira. Á esquerda, o Val de Lourenzá saíndo ao Cantábrico polo Río Masma. Pechando o Val vese a Serra Toxiza, a Frouxeira e Cornería e por detrás a Serra do Cadramón. Ao norte aparece a Mariña Lucense e unha gran parte da costa  occidental Asturiana. Á dereita vense os pobos que foron medrando ao longo do Río Éo e atrás deles a Serra da Bobia en primeiro termo. Ao sur e en todo o entorno o que se ve é o propio concello de Trabada que nesta parte está poboada de Fragas, temos á vista a de Vilapena, a da Becerreira e a de Teixido.

Báixase por un carreiro cara ao leste ata pasar por baixo dun tendido de alta onde se sigue en dirección oeste pasando por un refuxio ata unha encrucillada , desde a que se podería retornar ao punto de partida, con percorrido total de 5 km. Baixando en dirección á Fraga da Becerreira, sen chegar a entrar nela, vaise dando a volta pola cara noroeste do Monte Campelas saíndo a unha pista ancha de terra que, sempre con Vilapena ao fondo, vai indo cara ao punto de partida. Neste percorrido a distancia é de 7,8 km e o desnivel de 238m

                                                                                              Teresa Díaz Estévez